top of page

  IDENTIDADE   

Unha Publicación do Grupo Vocal SondeNós

O Grupo Vocal SondeNós fai realidade o seu desexo de compartir algunhas pezas do programa que nomea "Identidade" e co que rende tributo a aquel pequeno grupo de intelectuais que respondendo ao chamamento do viveirense Antón Villar Ponte (1881-1936) fundaron na Coruña, no mes de maio de 1916, a primeira "Irmandade da Fala". Queriamos facerlles a nosa propia homenaxe antes de rematarmos o ano do centenario deste importante feito.

​

A artesanía que aquí presentamos pasa pola transcrición, adaptación e harmonización de tres fermosas melodías -O maio, de Luis Emilio Batallán; O meu país, de Miro Casabella e Todo me fala de ti, de Uxía Senlle e Magín Blanco- ás que engadimos unha de inspiración propia -Quando eu sonho-.

O maio e Quando eu sonho son froito da colaboración entre SondeNós e o poeta Séchu Sende. Estreámolas por partida dobre no Panteón de Bonaval e mais na Casa da Matanza. Máis adiante falo un chisco daquel día. Escribín unha partitura coral sobre a melodía que Luis Emilio Batallán compuxera para os versos de Manuel Curros Enríquez "Aquí vén o maio de frores cuberto", deixando entre cada verso catro pulsos de espera para que o meu amigo os enchera coa súa sensibilidade "Falarás a nossa língua porque estamos contigo, minha filha"; de Quando eu sonho os versos son tamén del, e as notas miñas... lembro que nos pillou ensaiándoa no local de San Pedro, en Compostela.

 

O meu país e Todo me fala de ti son dous cantos á Terra de ambientes ben diversos. "Fantasía ou recreación, desde o respecto... Con saudade", escribín para o primeiro. Imposible non sucumbir á chamada dese laio agre que nos remexe por dentro; descubrín Todo me fala de ti cando Rocío mercou para Mariña o Canta o cuco de Uxía Senlle e Magín Blanco. Unha homenaxe ao poeta chairego laureado en 2016 polas Letras. "Con moita ledicia", apuntei na partitura.

 

O compañeiro e amigo Lucas Iglesias pintou un maio "da zona da Mariña", como precisou, que ilustra esta sinxela e modesta publicación.

 

Para interpretar "Identidade" contamos coa colaboración da profesora e amiga Teresa López Sancosmed como recitadora, que aporta á nosa música un toque de verdadeira paixón e sensibilidade.

​

 

Plácido Travieso,

Galiza, primavera de 2017.

A publicación IDENTIDADE está á venda en:

​

Libraría "O pazo das Musas"

Rúa Nova, 8 - Santiago de Compostela

​

Libraría "Couceiro"

Praza de Cervantes, 6 - Santiago de Compostela

​

Libraría "Porta da Vila"

Rúa Pastor Díaz, 31 - Viveiro

​

Tamén contactando directamente en sondenos@gmail.com

Concierto GrupoVocal SondeNós

Concerto no Pazo de Mariñán, no Seminario da Asociación de Directores de Escena de España

Concierto GrupoVocal SondeNós

Concerto do Programa IDENTIDADE no

IES Agra de Leborís. A Laracha (A Coruña)

bottom of page